Thursday 02 de May de 2024

Feijóo adianta que a xunta destinará 2 millóns de euros para que expertos en mercados internacionais consigan novos proxectos de investimento en Galicia


Asevera que a capacidade exportadora de Galicia desde o ano 2009, durante a recesión económica ata o ano 2014, acredita que “sabemos exportar, que as nosas exportacións son superiores as nosas compras e, polo tanto, que a nosa balanza comercial é positiva”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou hoxe a súa viaxe oficial a Latinoamérica cun encontro con empresarios mexicanos no que adiantou que a Xunta destinará 2 millóns para que expertos en mercados internacionais consigan novos proxectos de investimento en Galicia. “Ademais de anunciarlles os 50 millóns de euros que o Goberno galego vai a investir na expansión e na internacionalización das empresas galegas, avanzamos unha partida adicional de dous millóns de euros para contratar a posibles expertos que leven investimento a Galicia, tanto de México como de Colombia e Perú”, explicou.

Feijóo aseverou que a capacidade exportadora de Galicia desde o ano 2009, durante a recesión económica ata o ano 2014, acredita que “sabemos exportar, que as nosas exportacións son superiores as nosas compras e, polo tanto, que a nosa balanza comercial é positiva”.

Se ben neste ano 2015 e nos seguintes aínda queda moito traballo por facer, o responsable do Executivo autonómico recoñeceu que tamén “quedan moitas oportunidades”: “Xa acadamos éxitos no naval e espero que continúen e se intensifiquen. Estamos exportando no ámbito téxtil e no ámbito da automoción; temos que exportar, tamén, no ámbito da agroindustria e na industria do mar; e temos que seguir vendendo consultoría, enxeñaría de proxectos, proxectos de arquitectura, control de calidade… En definitiva, temos que seguir abríndonos ao mundo e traballando na capacidade exportadora de Galicia porque é unha ferramenta estratéxica na nosa economía”.

Neste encontro con empresarios mexicanos, Feijóo enmarcou esta viaxe institucional dentro da Estratexia de internacionalización da Economía galega. “Empezamos esta viaxe por México D.F. e despois iremos á capital de Perú e á capital de Colombia. Visitaremos tres países onde viven aproximadamente 200 millóns de persoas e, en consecuencia, estamos a falar de 200 millóns de posibles consumidores”, dixo, logo de precisar que, desde 2009, é a sexta vez que o Goberno galego visita México, a segunda que visitará Colombia e a primeira vez que visitará Perú.

Ademais deste encontro, Feijóo manterá hoxe unha reunión institucional co secretario de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano de México, Jorge Carlos Ramírez Marín.

“A estratexia é coñecida –incidiu-, seguir expandindo as empresas galegas e seguir insistindo en que Galicia ten capacidade; en que a súa economía é suficientemente competitiva para vender produtos fóra, non só produtos do automóbil e do naval, senón tamén produtos das tecnoloxías da información, da agroindustria, da industria do mar, da pedra, da lousa e do téxtil. Estámonos abrindo ao mundo”, abundou.

O titular da Xunta asegurou que esta estratexia está dando resultados e lembrou que desde o ano 2009 ata agora o peso das exportacións no PIB galego subiu do 25% ao 33%.

Ante estas cifras, Feijóo aseverou que o obxectivo é, dentro do plan de internacionalización da Economía galega, chegar a que as exportacións supoñan o 40% do PIB; “e a isto obedece esta viaxe e para iso imos traballar estes días nunha axenda, espero que interesante para as empresas galegas”.

O domingo 15, o responsable do Goberno galego chegará a Lima, onde ademais de reunirse co empresariado autóctono, manterá diversas reunións entre as que destacan un encontro co ministro da Produción da República do Perú. E, posteriormente, finalizará a súa viaxe en Bogotá onde, ademais de manter diversas reunións para analizar as oportunidades de negocio entre Galicia e Colombia, pechará a súa visita cunha entrevista co presidente do Goberno do país.